sábado, 28 de julio de 2012

Efectos da climatoloxia no exito reprodutor dos anfibios

O pasado outono-inverno, e parte da primavera, tiveron como característica principal a seca. Esta foi unha das secas mais importantes, senón a peor, dende que hai rexistros climáticos.
A influenza desta anomalía climatolóxica sobre a tempada reprodutora dos anfibios sen dúbida tivo que ser de gran importancia. Estes animais están moi ligados a auga, ben durante todo o seu ciclo vital, ben durante o seu período reprodutivo. O comezo deste período esta vinculado a combinación dunha serie de factores (humidade, precipitación, temperatura, entre outros). Unha revisión dos diferentes tipos de estratexias reprodutoras foi publicada por Hartel e outros colaboradores.
Pois ben, tomando coma exemplo o LIC Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro, no que se ven realizando un seguimento da reprodución do sapo común (Bufo bufo), poderiamos inferir que a seca tivo efectos moi importantes no éxito reprodutivo da especie.
Esta especie presenta un patrón reprodutivo dos que se describen coma "explosivo", caracterizado pola aparición dun gran número de exemplares no momento álxido da reprodución, que pode durar horas, días ou semanas. Esta sería a teoría, xa que precisamente algunhas poboacións deste LIC non encaixan perfectamente nesta descrición.
O gran número de exemplares, co ratio de sexos virado cara os machos, provoca unha alta competencia polas femias, chegando a producirse amplexus múltiples.

Incluso podendo suceder o que se denominou "bola de sapos", no que varios machos tentar aparearse cunha femia, que pode chegar a morrer afogada polo acoso destes machos.
Finalmente, o macho que consegue manterse en amplexus fertilizará a posta, que será fixada a vexetación acuática. Xeralmente con preferencia por medios acuáticos relativamente profundos, nos que as postas se realizaran na vexetación das beiras mais soleadas, chegando a producirse unha sorte de postas comunais.

As anomalías climatolóxicas teñen efectos negativos sobre a reprodución desta especie, pode ser unha xeada tardía, que afecte as postas situadas nas beiras menos profundas.
Ou ben episodios de chuvias moi intensas, seguidas dun período de subidas de temperaturas, o que provoca que parte das postas queden en seco en menos de 24 horas.
Durante o inverno de 2011-12 produciuse un pequeno avance do periodo reprodutor antes de finais de 2011, no que soamente se atoparon algunhas postas illadas. E no resto do inverno a actividade reprodutora correspondeuse con animais illados, que tentaron realizar a posta aproveitando as poucas chuvias caídas. Isto incrementou o risco de perda das postas, o secarse ou baixar o nivel de auga das lagoas en poucos días. Un exemplo foi a perda das postas de sapo común e gran parte das de sapiño pinto (Discoglossus galganoi) dunha pequena charca temporal, que case sempre mantiña auga ata o verán.
Na visita realizada o 25 de marzo a charca estaba chea de cagados das dúas especies, pero o 5 de abril estaba a piques de secar, e os superviventes agochábanse nas furas feitas polo cangrexo vermello (Procambarus clarkii).
A charca foi visitada de novo despois da chuvias do mes de abril, e estaba chea de centos de cagados de sapiño pinto. Esta especie representa un exemplo do outro patrón reprodutivo dos anfibios, os de reprodución prolongada, capaces de facer novas postas a longo do ano cada vez que as condicións ambientais son propicias.
Sorprendentemente localizáronse exemplares case metamorfoseados de sapiño pinto, que sobreviviran a seca, probablemente nas furas de cangrexo. Pola outra banda, ningún cágado de sapo común foi capaz de sobrevivir ata a metamorfose na charca.
Esta seca afectou especialmente nas zonas mediterráneas, non so de Galicia, senón de zonas tan lonxanas e diferentes entre si coma poden ser Cuenca e Badajoz. Nestas rexións a reprodución dos anfibios, tanto dos explosivos coma dos de período prolongado víronse moi afectadas. Especies típicas de hábitats temporais coma o sapo corriqueiro (Bufo calamita) case non foron detectadas nos medios acuáticos, e outras de medios mais permanentes coma o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) non foron detectadas ou o número de larvas foi anormalmente escaso.
A falla de series temporais de longo prazo evita que poidamos avaliar o efecto destes fenómenos adversos nas dinámicas poboacionais destas especies. Aínda que a súa natureza lles permite adaptarse e recuperarse en anos propicios. O que non sabemos e o efecto combinado que poidan ter unha serie de anos de seca, mesturados co efectos dos patóxenos e a presión das especies invasoras. O futuro da investigación nos nosos humidais debe seguir ese camiño.

3 comentarios:

  1. É a primeira vez que vexo que o Caranguexo fai algo bon. Aínda que sexa de rebote, carallo(que se agochen as larvas nos seus tobos para soportar a seca)

    Sobre o dos períodos de cría non explosivos, lembro unha vez no que atoapei con Manu un canal de rego perto de Vilariño de Conso. Nel había cucharóns de Discoglossus en todos os estados posíbeis. Desde recén saídos do ovo ata case metamórficos. Supoño que alí pasou iso que dis, que prolongan a posta de maneira inremitente durante meses, non si?

    Estupenda entada César.

    Tremenda "orxía" a dos Sapos comúns, aínda que mal repartida me temo...

    ResponderEliminar
  2. Perdón polos erros do comentario. É o que ten escreber con présa..

    ResponderEliminar
  3. Non te preocupes polos erros. Penso que sabemos ben pouco da reproducion, mesmo B.bufo, eu teño fotografiado cagados dun cm, mesturados con outros de 3, e alguns con patas traseiras, e outros cas catro, todo na mesma charca. Estamos a falar de diferenzas de eclosion de entre 7-15 dias, o que non concorda co establecido, pero sempre e mais sinxelo xeralizar.

    Cesar

    ResponderEliminar