jueves, 28 de junio de 2012

Como distinguir as Pyronia

É ben certo que as Pyronia son das especies de bolboretas máis comúns que un pode atopar a pouco que saia da casa (os de cidade ide un pouco máis lonxe). Chega o calor e comezan a aparecer estes satirinos polas beiras dos camiños, entre as herbas e as silveiras. Son bastante bulideiras polo que quen desexa facerlles unha foto ten que andar atrás delas un bocado. De primeira impresión son moi parecidas e até que non reparamos nos pequenos detalles pode parecer que son todas da mesma especie agás a P. bathseba que por distribución e deseño das ás é manifestamente diferente das outras dúas.
O xénero das Pyronia pertence a orde dos Lepidoptera, superfamilia Papillionoidea, familia Nymphalidae, subfamilia Satyrinae, tribu Satyrini, subtribu Manilina.
O reverso da á anterior das tres especies é moi similar cun ocelo negro con dúas pupilas rodeado dun cerco amarelado ou máis claro que o fondo.
No reverso da á posterior:
- A P. tithonus ten uns pequenos ocelos brancos cun cerco á volta máis escuro .
- A P. cecilia ten esa banda vertical máis clara da á posterior e sen "ollos"
- A P. bathseba é máis escura e presenta na á posterior unha banda vertical branca ben definida así como os ocelos pupilados de riba a abaixo cercados dun borde máis claro e este rodeado de outro máis escuro.
Pyronia cecilia é a máis pequena, voa perto do chan e anda entre as herbas, a Pyronia tithonus é de maior tamaño e vese máis polos balados e as silveiras. No caso do territorio galego mentres P. tithonus e P. cecilia están presentes nas catro provincias (ausente no tercio norte, localizada no segundo tercio, ben distribuida e común no tercio sur¹), só vin a P. bathseba no sur de Ourense (uns poucos enclaves no sur orensán e SE lucense¹).

As P. tithomus e a P. cecilia voan nunha única xeración de xuño até agosto/setembro e a P. bathseba só a vin de finais de maio até finaiss de Xuño.
Por isto non debería de haber dificultade para distinguilas ao velas ao vivo pero nunha foto de ás abertas non é tan doado se o exemplar é femia.




Ademais das diferencias resaltadas na imaxe poderíase dicir que a P. cecilia ten no anverso da á anterior o ocelo rodeado dunha "cella" de cor máis clara que non ten a Pyronia tithonus.


A teoría está moi ben pero xa postos vamos a un exemplo práctico como o da fotografía do medio. Está tomada na Terra Chá, á altura do límite da provincia, nunha zona de monte no que se talou un piñeiral en épocas recentes con abundancia de silvas, gramíneas e fentos. A data é de primeiros de Agosto de 2010.
Vese que é unha femia porque non ten androconia na á superior. O ápice pódese dicir que é arredondado e que o ángulo da marxe interna inferior de cor escura uns dirán que é arredondado e outros que non, non ten ocelos na á posterior e as dobras pódese dicir que non están moi marcadas, como tamén parece ter un borde lixeiramente máis claro ("cella") derredor do ocelo da á superior. Ten entón características dunha e doutra, e algunha que pode parecer dubidosa. ¿Cal é?
É unha Pyronia tithonus porque fun eu quen lle fixo a foto, e púidena ver polo reverso, pero se ma enviásedes vós para determinar non sei se me atrevería a dar unha conclusión. 


¹ Eliseo Fernández Vidal, Guía de las mariposas diurnas de Galicia, Diputación Provincial, 1991

1 comentario: