martes, 12 de junio de 2012

Novas sorpresas odonatolóxicas en Galicia

Por Martiño Cabana

Nos dous últimos anos esta a suceder en Galicia unha auténtica revolución no coñecemento das libélulas e cabaliños do demo do noso territorio. Coa publicación da Field guide to the dragonflies of Britain and Europe de K.-D. Dijkstra & R. Lewington, forneceuse ós biólogos e naturalistas, dunha guía de fácil comprensión para coñecer tódalas especies presentes en Europa e Norte de África.

O traballo preliminar (e fundamental) que sentou a base da fauna odonatolóxica galega é A preliminary checklist of the Odonata of Galicia, de Adolfo Cordero, do ano 1996. Neste artigo exponse a existencia de 42 especies de libélulas e xa se fai unha valoración das especies que probablemente puideran estar presentes pero que aínda non foran detectadas. Estas eran: Lestes sponsa, Coenagrion caerulescens, Aeshna juncea, Aeshna isoceles, Anax parthenope, Gomphus vulgatissimus, Onychogomphus forcipatus, Sympetrum meridionale e Sympetrum flaveolum. Entre este artigo e o libro de K-D (que comezou a chegar a Galicia no 2010), xa se atoparon Onychogomphus forcipatus e Sympetrum meridionale.

Anax parthenope é unha destas novas especies que apareceron en Galicia durante os dous últimos anos. É unha especie do centro e sur de Europa e que na Península Ibérica só estaba rexistrada na costa mediterránea. Aquí deixo o artigo de Emilio, Genaro e Damián para que poidades desfrutar da descrición da especie en Galicia. Tamén indicar que Anxos e máis eu puidemos observar esta especie na provincia de Lugo.


O coñecemento do medio natural galego é moi desigual. As provincias de Coruña e Pontevedra presentan un mellor grao de coñecemento que as de Ourense e Lugo, que son grandes descoñecidas pese a ter un mellor estado de conservación. Hai dous anos, Anxos Romeo, Adolfo Cordero e máis eu comezamos a traballar nas serras orientais galegas. Froito deste traballo descubríronse tres novas especies para Galicia. A primeira delas foi Sympetrum flaveolum, que apareceu nas serras de Ancares, Trevinca e Macizo Central Ourensá. Aquí vai o artigo.




Cópula de Sympetrum flaveolum. Foto de Anxos Romeo.

Logo, apareceron dúas especies novas (ou case). Unha delas é Lestes sponsa e a outra, Aeshna juncea, só existía unha referencia duns exemplares observados no norte da provincia da Coruña.




Macho adulto de Lestes sponsa. Foto de Anxos Romeo.




Cópula de Aeshna juncea fotografíada no encoro de Cenza, Vilariño de Conso, Ourense. Fotografía de Adolfo Cordero.


A última especie que xerou un artigo de moito interese para os naturalistas galegos, foi a que reflexa a presenza de Orthetrum brunneum en Galicia. Esta especie non é nova para Galicia, xa que foi rexistrada por Navás na zona da Guarda pero os novos datos son moi interesantes xa que ubican as novas poboacións galegas no oriente ourensá. A presenza da especie en Verín (de P. Jahn en Feces de Abaixo, na fronteira con Portugal) resulta de grande interese ó que lle hai que engadir a que mostran os autores (José Gándara, Rafael Estévez e Tito Salvadores) e colaboradores (Anxos e Martiño) na zona de Valdeorras.




Macho adulto de Orthetrum brunneum. Nótese a cara de cor azul, en contraposición coa de O. caerulescens, que é marron. Foto de Anxos Romeo.


Xa para rematar, unha nova sorpresa chegou a Galicia. Anax ephippiger apareceu na nosa terra e Anxos e máis eu puidemos atopala nas catro provincias galegas. Esta é unha especie africana que sufre procesos de expansión en anos quentes e con fortes ventos saharianos que fan que percorra todo o territorio europeo.


Agora, son 51 as especies de libélulas presentes no territorio galego. O incremento foi notable. Esperemos que aparezan as que faltan (se é que as hai) e o que nos gustaría é que se comezara a estudar en profundidade este fermoso e interesante grupo animal.


Esta entrada vai adicada a Damián. Entusiasta dos odonatos e doutros moitos grupos animais.


7 comentarios:

  1. Estupenda entrada Martiño, pero hai que puntualizar que a guía de Dijkstra e Lewington foi xa recomendada no ano 2007 precisamente por C. D. Romai no foro galiciaves e cónstame que xa fomos uns poucos os que nos fixemos con ela entón.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Coma sempre, xa temos algo que aprender grazas a ti, Martiño. Hei de mirar a entrada con tempo. E súmome á dedicatoria..

    ResponderEliminar
  3. Grazas Martiño. De verdade.

    E grazas Xabi e Xose.

    Sodes uns cracks!

    Damián

    ResponderEliminar
  4. Información interesantísima, fotos magníficas, todos los artículos que se citan con fácil acceso.....no se puede pedir más y me sumo a las felicitaciones¡¡

    Noraboa
    Pablo

    ResponderEliminar
  5. Fantástico :)

    Estes pequenos alados teñenme maravillada.

    Noraboa polo traballo, eu tamen me sumo as felicitacions!!!

    Un saudiño :)

    ResponderEliminar
  6. Tamén procedente de terra africanas temos por terras galegas aTrithemis annulata, e se non lembro mal, Cesar Ayres deu algunha cita. Creo que xa está detectada dende o 2004.

    http://www.farodevigo.es/comarcas/2009/09/30/africana-necesita-papeles/373106.html

    ResponderEliminar
  7. Boas,
    Graciñas a todos. Si, coñezo esas citas de César. Esa especie queda para outra entrada, xa que foi atopada en Galicia logo de saír o Dijkstra e Lewington. E de seguro que haberá máis sorpresas con este bichos.
    Un saúdo,
    Martiño

    ResponderEliminar